Saltar ao contido
Para médicos e enfermeiras

Diario compartido de LifeSugar: panel e informe para médicos e enfermeiras

O teu paciente comparte contigo o seu diario de diabetes de LifeSugar

Ves as súas comidas cos hidratos, as súas glicemias antes e despois de cada comida, a súa insulina e o seu deporte, e podes sacar o informe do período en PDF. É o mesmo panel para médicos, enfermeiras e outros profesionais sanitarios. O acceso dáo o teu paciente e pode retiralo cando queira.

Xa che deron acceso?

Entra directamente. Non hai que rexistrarse, nin pagar, nin instalar nada.

Abrir o panel (ábrese nunha pestana nova)

Como entrar

Catro pasos. O primeiro non o das ti.

  1. 1

    O teu paciente dáche de alta desde a súa app

    Escríbeo en Axustes → Datos persoais → Correo do médico. O campo chámase así, pero vale para calquera profesional sanitario: se es enfermeira, o teu paciente escribe aí o teu correo. Se xa había un, o móbil pídelle pegada dixital, cara ou código para cambialo.

  2. 2

    Ese correo ten que ser unha conta de Google

    Non fai falta que sexa un gmail. O do hospital ou o da consulta asóciase a Google sen cambiar de correo.

    Crear unha conta de Google co teu correo de sempre

    Google pide nome e data primeiro. No nome de usuario, escolle Usar o meu enderezo de correo electrónico actual.

  3. 3

    Abre a ligazón e entra con ese correo exacto

    O permiso vai pegado ao enderezo que escribiu o teu paciente, letra por letra. Se tes varias contas abertas no navegador, escolle a correcta ou abre unha xanela de incógnito.

  4. 4

    Escolle o paciente

    Se máis dun che deu acceso, saen todos na primeira pantalla. Só eses: dos demais non ves nin que existen.

A alta pode tardar ata unha hora

O permiso e os datos actualízanse cada hora. Se acaba de escribir o teu correo, agarda. Se pasada unha hora te rexeita, revisa que o correo do seu perfil sexa o teu. Se a actualización se parase, o panel dío na cabeceira.

Como se le o panel

Percorrémolo de arriba abaixo, con capturas do propio panel. Cada número da imaxe ten a súa explicación debaixo: que mide, de onde sae e cando se pon en ámbar ou en vermello.

  1. Os meus pacientes

    A quen miro primeiro?

    Fiestras fixas de 14 e 30 días

    Arriba vai a quen convén mirar antes. A lista usa sempre os mesmos días (14 para as glicemias, 30 para os días con rexistro) para poder comparar pacientes entre si; dentro de cada un manda o período que elixas. Só saen os pacientes que che deron acceso.

    A lista de pacientes do panel, con estado, último rexistro, días con rexistro, medicións en rango, número de glicemias, media, variabilidade e baixas de catro pacientes de exemplo.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Estado. É unha orde de revisión, non un diagnóstico, e mira os últimos 14 días. Avalíase nesta orde: Sen rexistros (non apuntou nada), Rexistra, non se mide (menos de 10 glicemias), Revisar (algunha baixa de madrugada, ou menos do 50 % de medicións en rango), Atención (algunha baixa, menos do 70 % en rango ou unha variabilidade por riba do 36 %) e Estable (ningunha das anteriores).

    2. Último rexistro. O último día no que apuntou algo e, debaixo, hai canto. É a data do propio rexistro, non a do día en que se sincronizou.

    3. Días con rexistro dos últimos 30. Conta días con algo apuntado, non rexistros: tres comidas nun día son un día. É o primeiro que di se o demais se sostén.

    4. En rango e glicemias, en 14 días. A porcentaxe de medicións entre o limiar de baixa e o límite alto do obxectivo do paciente, sempre xunto a cantas medicións hai detrás. Con menos de 10, sae un guión.

    5. Media e CV, en 14 días. A glicemia media en mg/dL e o coeficiente de variación: canto se separan as medicións desa media, en %. Por riba do 36 %, o panel trátao como variabilidade alta.

    6. Baixas en 14 días, coas de madrugada («noct.») debaixo. Unha baixa é unha medición por debaixo do limiar de hipoglicemia do paciente (70 mg/dL se non o cambiou) e a madrugada vai das 0:00 ás 5:59. Unha soa baixa de madrugada pon o paciente en Revisar, sempre que teña 10 glicemias ou máis eses 14 días.

  2. A ficha do paciente

    De quen falo e de que días?

    O período manda en todo o de embaixo

    Ábrese cos últimos 30 días. Cambia o período e cambia toda a pantalla, salvo dúas cifras con fiestra propia: a HbA1c estimada (sempre 90 días) e a dose diaria total de insulina (sempre 30).

    A cabeceira do paciente: botón Volver, selector de paciente e de período, tipo de diabetes, tratamento, obxectivo glicémico e o resumo de medicións en rango.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Volver e selector de paciente. Volves á lista ou saltas a outro paciente sen pasar por ela. Só saen os que che deron acceso.

    2. O período. Últimos 7, 14, 30 ou 90 días, este mes, o mes pasado, todo o histórico ou datas soltas. Ao carón, cantos días ten o rango elixido e cantos deles teñen rexistro.

    3. Tipo, tratamento e obxectivo glicémico. Pono o paciente no perfil da súa app. O obxectivo é o seu e define o que é baixa, en rango e alta en todos os gráficos. Se pon «por defecto», non o configurou e o panel usa 70–180 mg/dL.

    4. O resumo nunha frase. A porcentaxe de medicións en rango do período, con cantas hai detrás e cantas baixas e altas. Verde desde o 70 %, ámbar entre o 50 e o 70 %, e vermello por debaixo do 50 % ou con calquera baixa de madrugada (entón o titular di cantas houbo). Se a variabilidade pasa do 36 %, engádeo. Con menos de 10 medicións non dá porcentaxe. Describe; non pauta.

    5. Ver todo o perfil: idade, peso e IMC, ratio pautado, acción da rápida (o tempo que o paciente ten configurado) e se apunta os hidratos en gramos ou en racións. O que non estea no perfil sae como «Sen dato».

  3. Adherencia e calidade do dato

    Fíome deste dato?

    Comeza sempre por aquí

    Unha media de tres días non é unha media: cada cifra di cantos días hai detrás. Un día que falta non é un día a cero, é un día sen rexistro, e por iso os días baleiros tamén se pintan.

    A sección de adherencia: días con rexistro, comidas por día, días con glicemia, último rexistro, o calendario de rexistro e a fila de calidade do dato.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Días con rexistro sobre os do período (25 de 30 no exemplo). Un día conta se apuntou algo. Se non chega á metade, a cifra sae en ámbar.

    2. Comidas por día. A media de comidas nos días con rexistro, non en todos os días do período. Debaixo, cantas comidas hai en total.

    3. Días con algunha glicemia, con cantas medicións suman. Di se se mide con regularidade ou de vez en cando.

    4. Último rexistro dentro do período elixido. Se nese período non hai ningún, dío.

    5. O calendario: un cadrado por día, máis escuro canto máis rexistros ten (1–2, 3–4, 5 ou máis) e case branco se non apuntou nada. Un oco de varios días di cando deixou de apuntar: por aí comeza a conversa. O punto laranxa é un día con algunha glicemia, e o violeta, un día con deporte. Pasa por riba dun día para ver que apuntou.

    6. Perfil e totais. Se o perfil está sincronizado (se non, só hai diario) e cantos rexistros e días con rexistro ten en todo o histórico, non só neste período.

    7. Data declarada polo paciente. A porcentaxe de rexistros coa data e a hora que puxo el; o resto leva a da sincronización e pode estar desprazado. Por debaixo do 95 %, sae en vermello.

    8. Glicemias descartadas e respostas sen comida. As descartadas son valores fóra de 20–600 mg/dL, imposibles e case sempre un erro ao teclear: non entran en ningún cálculo. As respostas sen comida son glicemias posteriores que non se puideron asignar a unha comida (asígnanse á última das 6 horas anteriores). Se calquera das dúas pasa de cero, sae en vermello.

    9. Campos do perfil con dato. Cantos datos do perfil están cubertos (tipo de diabetes, tratamento, peso, ratio pautado, obxectivo…). Sen eles faltan cifras como as UI por quilo ou o desvío do ratio. Por debaixo de 4, sae en vermello.

  4. Glicemia

    Como vai a glicemia?

    Non é un sensor continuo

    Son picadas que o paciente apunta. Verás «medicións en rango», nunca «tempo en rango». E mídese máis cando sospeita que está mal: os extremos saen máis do que toca. Nos gráficos, o vermello é baixa, o verde en rango e o laranxa alta.

    A sección de glicemia: medicións, en rango, baixas, altas, media coa súa variabilidade, HbA1c estimada e o perfil do día con cada medición por hora sobre a franxa do obxectivo.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Medicións do período e en cantos días. Repártense nas de antes de comer, as de despois (respostas ao recordatorio) e as soltas, que non van ligadas a unha comida.

    2. Medicións en rango. A porcentaxe entre o limiar de baixa e o límite alto do obxectivo do paciente, con cantas son e a referencia do 70 %. Verde desde o 70 %, ámbar entre o 50 e o 70 %, vermello por debaixo. Con menos de 10 medicións non hai porcentaxe: di cantas hai.

    3. Baixas. Por debaixo do limiar de hipoglicemia do paciente (70 mg/dL por defecto), coas de madrugada (0:00–5:59) debaixo. Cunha soa, a cifra sae en vermello.

    4. Altas. Por riba do límite alto do seu obxectivo (180 mg/dL por defecto). Sae en ámbar se son máis do 30 % das medicións.

    5. Media e variabilidade. A media de todas as medicións, en mg/dL, e o CV: a desviación típica dividida entre a media, en %. Canto máis CV, máis se separan as medicións.

    6. HbA1c estimada (orientativa). É o GMI: 3,31 + 0,02392 × a glicemia media dos últimos 90 días, sexa cal for o período, e só sae con 30 medicións en 14 días distintos. A fórmula validouse con sensor continuo: con glicemias capilares é unha orientación e non substitúe a analítica.

    7. A franxa verde é o obxectivo deste paciente, cos seus dous límites escritos. Cada punto é unha medición, na hora á que se fixo; en vermello as baixas e en laranxa as altas.

    8. Busca onde se acumulan os puntos, non o punto solto. Unha nube alta a primeira hora e outra en rango pola tarde sinalan un momento do día, non un mal control xeral. Pasa por riba dun punto para ver a hora e se era antes ou despois de comer.

    Gráfico de columnas apiladas coa banda de glicemia (baixa, en rango, alta) en cada franxa do día, co conmutador antes e despois de comer.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Antes ou despois de comer. Antes: a banda da glicemia coa que empezou a comida, que adoita vir da comida anterior ou da basal. Despois: a banda da medición posterior, só das comidas cuxo recordatorio contestou; se falta, fala do recordatorio, non do control.

    2. Unha columna por franxa do día, repartida en baixa (vermello), en rango (verde) e alta (laranxa), coa porcentaxe de cada tramo. A franxa sae da hora da comida: almorzo de 6:00 a 10:59, media mañá de 11:00 a 12:59, comida de 13:00 a 16:59, merenda de 17:00 a 19:59 e cea de 20:00 a 23:59.

    3. Cantas comidas hai detrás. Baixo cada columna vai a súa n e no pé, o total. Con menos de cinco, a n sae en vermello e esa columna non se interpreta.

  5. Comida e glicemia

    Como lle afecta o que come?

    Que había no prato

    O que un glicosímetro non ve. Os gramos saen dunha foto ou do que el elixiu na base: o segundo é máis fiable, e nos dous casos é unha estimación que serve para comparar días, non para cadrar gramos. Se apunta en racións, a app convérteas a gramos antes de chegar aquí. Máis abaixo hai unha táboa cos alimentos que máis se repiten e o que achega cada ración; os seus azucres son un mínimo coñecido, nunca un total.

    A sección comida e glicemia: comidas medibles, subida media, comidas con rápida, intervalo medio e o gráfico de hidratos fronte a subida, un punto por comida.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Comidas medibles: só as que teñen glicemia antes e despois. Se o paciente non contestou ao recordatorio, esa comida non sae aquí, aínda que os seus hidratos si contan no día.

    2. Subida media: a media de «glicemia despois menos glicemia antes» nesas comidas, en mg/dL. Un +18 é que a medición posterior foi, de media, 18 mg/dL máis alta ca a previa. É o que pasou, con ou sen rápida: non illa o efecto da comida.

    3. Levaban rápida: que parte desas comidas teñen insulina rápida apuntada (27 de 29). Serve para saber se a nube mestura comidas con e sen insulina.

    4. Intervalo medio: os minutos que pasan, de media, entre a comida e a medición posterior. Non é fixo: a app programa o recordatorio segundo o tempo de acción da rápida e cada paciente contesta cando pode.

    5. Con ou sen rápida, ou por comida do día. Cambia o que separa a cor dos puntos: azul e laranxa segundo levasen insulina rápida ou non, ou unha cor por franxa do día.

    6. Un punto por comida: gramos en horizontal, canto cambiou a glicemia en vertical. Se a nube sobe cara á dereita, a cobertura queda curta nas comidas grandes. Se é plana e alta, o problema non é canto come. Se está moi dispersa, hai algo máis cós hidratos: o momento, o tipo de alimento ou o tempo entre a insulina e a comida. Pasa por riba dun punto para ver os minutos, a glicemia antes e despois, o alimento e a insulina.

    7. Por debaixo de cero, a glicemia baixou. O pé di cantas comidas teñen o par completo. O intervalo non é fixo: unha subida aos 45 minutos e outra ás 3 horas non se comparan.

    Hidratos por día e comidas con desglose, e o gráfico de hidratos rexistrados por día coa liña do obxectivo diario.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Hidratos por día. A media de hidratos rexistrados por día con rexistro e os gramos de media por comida. Debaixo, o obxectivo diario do paciente: se o supera en máis dun 15 %, a cifra sae en ámbar.

    2. Comidas con desglose: cantas traen os alimentos identificados, sexa por foto ou elixíndoos na base, sobre o total de comidas, e cantos alimentos suman.

    3. Día, semana ou mes. Cada gráfico leva o seu propio selector. En semana e mes, cada barra é a media por día.

    4. A liña verde descontinua é o obxectivo diario de hidratos, se o paciente o ten, e as barras laranxas son os días que o superan. Son hidratos rexistrados, non inxeridos: se apunta pouco, a barra baixa sen que comese menos.

  6. Insulina

    Que se pon?

    Un día sen barra non é un día sen insulina

    É o que apunta, e pode non ser todo. Mírao xunto á adherencia: se a basal desaparece, case sempre deixou de apuntala. Con bolígrafo, a basal vai á parte; con bomba non se rexistra nunca e pode saír baleira.

    A sección de insulina: rápida por día, basal por día, ratio aplicado fronte ao pautado, dose diaria total e o gráfico de insulina rápida e basal por día.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Rápida por día. A media de unidades de rápida nos días con rexistro e a porcentaxe de comidas que a levan. Se non hai ningunha, pon «non rexistra rápida».

    2. Basal por día. A media de unidades de basal nos días con rexistro. Con bomba non se rexistra e o panel dío; se non usa bomba e sae baleira, é que non a apunta.

    3. Ratio aplicado fronte ao pautado. Gramos entre unidades nas comidas con rápida; as correccións non entran, porque non cobren hidrato. O desvío é aplicado menos pautado, e se se separa máis de 2 g/UI, sae en ámbar. É o que fixo, non o que debería facer.

    4. Dose diaria total. Rápida máis basal, de media por día con rexistro, e as UI por quilo se o perfil ten o peso. Mira sempre os últimos 30 días, sexa cal for o período.

    5. Rápida e basal, apiladas. Cada barra suma as dúas e a cifra de enriba é o total do día. Un día sen barra é un día sen rexistro, non un día sen insulina: compáraro co calendario.

    6. Día, semana ou mes, sen tocar o resto de gráficos. En semana e mes, cada barra é a media por día.

  7. Actividade física

    Móvese?

    O que apunta, non un reloxo

    Sae da sección Deporte de cada rexistro: tipo, minutos e intensidade. Aquí non se cruza coa glicemia. Para ver como estaba antes e despois dunha sesión, pasa por riba dese día no calendario ou búscao no historial. Un rexistro cunha duración imposible (0 minutos ou máis de 10 horas) non conta, e o panel avísao debaixo do gráfico.

    A sección de actividade física: minutos por semana, días con deporte, o que máis fai, calorías e o gráfico semanal coa liña de 150 minutos.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Minutos por semana. Os minutos totais do período repartidos entre as semanas que dura, coa referencia de 150. Se o período ten menos de 7 días non se escala: ensina os minutos que hai.

    2. Días con deporte sobre os do período, e cantas sesións. Unha sesión é cada vez que apuntou deporte: camiñar e correr apuntados xuntos son unha soa.

    3. O que máis fai. A actividade á que dedicou máis minutos no período e a súa intensidade máis habitual (suave, moderada ou intensa), tamén contada por minutos.

    4. Calorías queimadas. Estímaas a app coa duración e a intensidade, ou escríbeas o paciente. Serven para comparar semanas, non como medida.

    5. Día, semana ou mes. Cada gráfico leva o seu propio selector, e este ábrese por semana.

    6. A liña de 150 minutos é a recomendación semanal da ADA e da OMS para adultos, a intensidade moderada: unha referencia, non un obxectivo pactado con este paciente.

    7. As barras raiadas son semanas ou meses cortados polo período: só teñen parte dos seus días dentro. Escálanse a minutos por cada 7 días para poder compararas coa liña.

  8. Historial

    Podo repasalo co paciente diante?

    CSV e PDF levan todo o cargado

    Que comeu, como chegaba, que se puxo e como acabou, fila a fila. A data e a hora son as que declarou o paciente, na súa zona horaria. Se o período pasa de 500 rexistros, o panel avisa antes de exportar: acota as datas.

    O historial rexistro a rexistro: filtros por tramo do día, botóns de CSV e Imprimir / PDF e a táboa con hidratos, azucres, kcal, rápida, ratio, glicemia antes e despois, diferenza e intervalo.
    Captura do panel con datos inventados.Ampliar a captura (ábrese nunha pestana nova)
    1. Todo o día, mañá, tarde ou noite. Mañá vai de 6:00 a 13:59, tarde de 14:00 a 20:59 e noite de 21:00 a 5:59. «Ver máis» só amplía o que ves en pantalla.

    2. CSV e Imprimir / PDF levan todos os rexistros do período, ata os 500 máis recentes, non só as filas da pantalla. O CSV ábrese en Excel e o PDF é o informe enteiro.

    3. Tipo e detalle. Comida, corrección, glicemia, glicemia posterior, basal ou deporte e, debaixo, a franxa e o que había no prato (por foto ou elixido na base). Unha «glicemia posterior» é a resposta ao recordatorio: aparece soa e, emparellada, na comida á que pertence.

    4. HC, azucres e kcal desa comida: unha estimación a partir da foto ou da base de alimentos, en gramos e quilocalorías. Os azucres só saen se o alimento os trae.

    5. Rápida, ratio e Pre. As unidades de rápida desa comida; o ratio, gramos entre unidades, o observado e non o pautado (as correccións non o teñen); e Pre, a glicemia coa que chegou. Nunha medición solta, Pre é ela mesma.

    6. Post, Δ e Interv. Post é a glicemia posterior emparellada; Δ é Post menos Pre; e Interv., os minutos reais entre as dúas, non un valor fixo ás dúas horas. En laranxa, as altas; en vermello, as baixas.

    7. Un oco en Post di por que: sen contestar (o recordatorio xa tocaba e non houbo resposta), pendente (aínda non toca) ou sen medir (esa comida non ten recordatorio).

É apoio á consulta, non unha guía de tratamento: o panel non propón pautas nin cambios de tratamento, non calcula doses e non xulga ningunha cifra. A interpretación e a decisión son túas.

Preguntas frecuentes sobre o panel para médicos e enfermeiras

Primeira versión

Dinos que lle falta ao panel

Se falta un dato ou algo se le mal, cóntanolo.

Escribe quen constrúe o panel, non un buzón de soporte.

Aviso médico

LifeSugar non é un dispositivo médico. O que ves é o que o paciente rexistrou, coas estimacións da app, e pode conter erros. Non substitúe unha determinación de laboratorio nin o criterio clínico, e en particular as estimacións de hidratos non deben usarse para calcular doses de insulina.